Mensaxe de erro

  • Deprecated function: Methods with the same name as their class will not be constructors in a future version of PHP; views_display has a deprecated constructor en require_once() (liña 3139 de /homepages/12/d526528369/htdocs/clickandbuilds/Drupal/ocultural/includes/bootstrap.inc).
  • Deprecated function: Methods with the same name as their class will not be constructors in a future version of PHP; views_many_to_one_helper has a deprecated constructor en require_once() (liña 113 de /homepages/12/d526528369/htdocs/clickandbuilds/Drupal/ocultural/sites/all/modules/ctools/ctools.module).

MANIFESTO

O verán é esa época do ano que, no hemisferio norte, o noso, vai desde o 21 ou 22 de xuño ata o 22 ou 23 de setembro. Pero en Foz o verán non existe… e non me refiro a esa tendencia maliciosa que chega das Castelas de criticar o noso clima, falo de que aquí, a este período de tempo chamámoslle vrao desde que nacemos. O vrao. A estación máis calorosa do ano, esa que segue á primavera e que precede ao outono.

O vrao son pantalóns cortos, sabor a salitre na pel, bicicletas, area clara e fina, comidas na praia, cervexas nas terrazas dos bares, o nordés de cando en vez. É o sol, o churrasco ao aire libre, a amizade, a familia, o cheiro a algas, é tirarse do faro, a chegada dos de fóra que son da casa e dos de fóra que son de fóra, o porto cos seus barcos, a vida simple. Son as festas populares, o Carme, o San Lorenzo, a Festa de Marzán, as longas noites de troula, os pementos de Padrón, as vacacións. Éo todo.

O vrao son tres meses moi especiais que pasan voando e que se aproveitan ao máximo e, é por este motivo que, o primeiro proxecto de Ó! Cultural se chama así, VRAO, sen máis.

VRAO é un festival de sons independentes que se celebrará na vila de Foz o venres 11 e o sábado 12 de xullo. Un festival de músicas independentes do país, da nosa terra, o cal supón unha clara e profunda aposta polo patrimonio cultural galego, así como unha confianza insobornable nos novos talentos musicais que xurden cada día.

Co porto como entorno protagonista e coas localizacións irmás das rúas Illa Nova e Concello de Sarria, a vila tinguirase de música durante dous días que prometen ser máxicos. VRAO é unha combinación gratuíta de sons, identidade, sabores e paisaxes. É a recuperación da música na rúa como elemento de igualdade social e de desfrute. É a crenza no pequeno formato como unha fuxida dos eventos creados para as grandes masas e signo distintivo de calidade, rigor e encanto. É unha pequena achega ao que está a suceder en Galicia musicalmente nos últimos tempos, que é moito.

VRAO é o 1º round no combate que Ó! Cultural libra de forma moi consciente a favor da cultura do país. Supón unha acertada e cálida selección de bandas dentro da non-escena musical galega, do extenso e máis que interesante panorama actual de sons da nosa comunidade. Unha representación importante, experimentada, nutrida e variada dos diferentes estilos que hoxe abandeiran a nosa música.

O soleado pop asilvestrado de GRAMPODER, o frenesí garage-rock de EL MONSTRUO, o post-rock instrumental e anárquico de UNICORNIBOT, a viaxe acústica moderna ao clasicismo da man de TRILITRATE, o blues orgánico e de rúa de THE LOOPHOLES, a épica do folk galego-balcánico que practican CAXADE, o punk tropical e futboleiro de DJALMINHA, o pop experimental e surrealista de THE LOST OMELETTE MAKERS e a electrónica conceptual de SUB ROSA.

VRAO é a volta ao lugar que nunca debimos deixar, porque como dixo Serrat "a liberdade é o verán".