UNICORNIBOT

Xa é demasiado tarde para falar de Unicornibot como unha grande promesa do math rock nacional. Os pontevedreses comezaron a súa andadura co LP "Hare Krishna" en 2010 e con el, apareceu o virus. Dous anos despois, publicaron aquela arma de destrución masiva que foi "Dalle!" (do que xa non quedan copias) e espallouse a infección. Fai nada, en setembro de 2013, conquistaron ao resto da parroquia que quedaba despistada con "Mambotron" e a pandemia do papel de aluminio convertiuse en realidade.

Digo que non se pode falar de promesa porque son xa un feito, unha constatación da boa saúde da que goza Galicia a nivel musical, unha punta de lanza da non-escena galega, uns animais co oficio propio do que se curte nas mil batallas do directo.

Gon (guitarra), Toño (baixo), Álex (guitarra) e Guille (batería) non se cansan de amosarnos o seu implacable directo con forza, intensidade, dinamismo, natureza salvaxe, disciplina, ritmos frenéticos, potencia instrumental e nada de palabras (non as necesitan para transmitir o que queren)… isto é, pura miudanza rock de calidade.

Seguindo a ruta das súas influencias atopamos a Fugazi, Hella (onde milita o brutal baterista Zach Hill), Lightning Bolt, Don Caballero e a algo que aínda non existe. E buscándolles parentescos nacionais, temos aos cataláns Za! ou aos valencianos Betunizer.

En girandoporsalas.com dixeron deles que eran "Os catro xinetes do mathrockalipsis". Concordo.

Sábado, 12 de Xullo
No escenario Trás!

E vós? Ides perder a fin do mundo?