EL MONSTRUO

Non é o nome dunha historia de Edgar Allan Poe ou de H. P. Lovecraft. Tampouco un pub de Churruca. Nin a nova atracción das festas do Carme. Non é un modelo de moto nin o alcume do noso ministro de cultura. El Monstruo é unha das sorpresas que vos temos preparadas, unha banda da Coruña formada por Dani Bembibre (Ramalama, Electricats e Mistakens) e Pablo Silva (Combo Dinamo).

Estamos ante "unha criatura bicéfala de guitarra e batería" (dito por eles) que practican a máxima do "menos é máis" sen grandes pretensións pero con moita calidade. Rock and Roll incisivo que se enguedella co garage feroz e co punk ceibe de clichés, dando como resultado unha música atractiva, vitaminada, bailable e emocionante.

O seu EP homónimo que viu a luz en 2013, producido por Roberto Mallo, consta de catro temas de curta duración pero intensos, é dicir, un centrifugado breve e moi alegre que a nosa roupa necesita. É unha proposta básica levada a cabo coa fórmula da efectividade.

"El borde", "Fuego", "Salvaje" e "Hombre medicina" son catro tiros na testa aos que vos costará resistirvos.

Divertidos ao máximo, directos, moi de presente, simples como o queixo con marmelo, contundentes, sofisticados ao xeito clásico. Son como coitelos de madeira.

Sábado, 12 de Xullo
No Escenario Trás!

onde senón?...