DJALMINHA

Djalminha foi un xogador brasileiro de fútbol que xogou no Deportivo da Coruña desde o 1997 ata o 2004. Coñecido polo seu amor ao regate e polo seu estilo vistoso, para a lembranza quedaron os canos, rabonas, pases imposibles, penaltis de Panenka e, sobre todo, aquela lambretta ao Real Madrid.

Djalminha é tamén unha banda pontevedresa de rock ambiental formada por Gon V. Goita (membro de Unicornibot) á guitarra e Berto Fojo á batería e voz ocasional. Un dúo que se estreou musicalmente nunha noite de San Xoan de fai dous anos, acompañando aos valencianos Betunizer no sempre vibrante Liceo Mutante. Desde aquel día, gozan dunha moi boa saúde e convertíronse nunha das propostas máis divertidas do noso panorama musical.

"Me vinieron todos" foi a primeira canción que colgaron no seu bandcamp, alá por outubro do 2012, unha versión libre de "Tesco Vs. Sainsbury's" do mítico grupo independente estadounidense Trans Am.

Paul Scholes foi un xogador inglés de fútbol, centrocampista histórico que militou toda a súa carreira como profesional no Manchester United e que foi internacional con Inglaterra en incontables ocasións. Contención, seriedade, toque de balón e fidelidade a unhas cores foron os seus datos identitarios.

"Paul Scholes" é tamén unha canción de Djalminha, perfecta para coñecer á banda. Unha carta de presentación onde fútbol e música se volven dar a man, onde a intensidade instrumental se funde cos bailes hooligans, un tema co que todos nos sentiremos coma na casa e que, vos garantizo, estaredes tarareando as semanas seguintes.

Sábado, 12 de Xullo
No Escenario Trás!

Lembrade:
"Oh, Paul! Oh, Paul! Oh, Paul Scholes!
Ai, Paul! Ai, Paul! Ai, Paul Scholes!
Hei, Paul! Hei, Paul! Hei, Paul Scholes!
Si, Paul! Si, Paul! Si, Paul Scholes!"