SUB ROSA

Son unha das últimas fichaxes do selo cooperativo galego Discos da Máquina. Son unha formación a catro bandas: Helga Blanco (sintetizadores, voz, toms, melódica, xilófono), Sergi Landrove (vibráfono, sintetizadores, xilófono, toms), Joan Espuny (video-arte, mapping 3D) e Xalo G. Gayoso (sintetizadores, voz, arpa de boca, ovo). Son de Santiago de Compostela. Son a vangarda. Son a inquedanza artística. Son a imaxinación.

Cabalgando os camiños máxicos dos límites entre os xéneros, buscan "fuxir da electrónica para volver a ela", abrazando o feito ecléctico e encharcándose nun son líquido-industrial… como o dunha onda xigante entrando nun estaleiro de barcos.

Estes xoves céntranse na experimentación, na sonoridade progresiva e na composición de atmosferas por medio de capas rítmicas. Cargados cun bo arsenal de sintetizadores dixitais, caixas de ritmos, módulos de procesamento e acompañados de pequenos elementos de percusión, os seus directos son verdadeiras orxías sensoriais que sumerxen aos espectadores nun transo difícil de abandonar.

Lembran a moitas cousas. Desde o maximalismo de Dan Deacon ao exotismo frío de Pantha du Prince. Da introversión de Nathan Fake á exploración de Four Tet. Da sensualidade de Bonobo ao salvaxismo de Fuck Buttons. A todo iso e a eles mesmos.

"Akureyri EP" (2014) é a súa carta de presentación e agardan sacar á luz a finais da primavera o seu primeiro longa duración.

Venres, 11 de Xullo
No Escenario Namarinos

poderedes descubrilos.