THE LOST OMELETTE MAKERS

Non é doado colgarlle etiquetas a The Lost Omelette Makers, alter ego de Daniel Santos, é unha tarefa alquímica para expertos que é mellor non intentar se se é prudente. Nós non o somos.

Pode que faga pop ou pode que non. Pode que o seu sexa quitarlle a pel ao rock e colgala dun cable da luz… ou unha galeguización do country máis fedello. Probablemente sexa un destripador do folk, un amante da música de debuxos animados, un mergullador do espazo sonoro. E gústanlle o tropicalismo, a baixa fidelidade e o yeyeísmo como forma de contacto co público. Do que non hai dúbida e de que non lle importa o que o mundo ten entre as mans, vai ao seu como unha fermosa república das bananas que ten como bandeira a felicidade amarga.

É outra das apostas do selo Discos da Máquina onde se define como "A mente dunha lesbiana de eufóricas accións kamikazes no corpo dun heterosexual narcisista ciclo-éstático. (…) Un non-músico debuxante de cancións, escritor de empatía anacoreta afectado pola síndrome de Xesucristo".

Para levar a cabo o seu artefacto sonoro no directo acompáñase doutros músicos que fan realidade a ampla paleta instrumental (saxo tenor, saxo alto, trompeta, baixo, contrabaixo, baterías, percusións, guitarra eléctrica, voces, coros…) e de efectos (sintetizadores, sons animais…) que emprega no estudo.

Acaba de publicar este 2014 o seu segundo disco "A calor dun corpo estraño" e co seu primeiro longa duración "Crisis de mediana identidad" (2012) colocárono no vixésimo segundo posto entre os mellores discos internacionais da revista/web sueca Blond Between the Legs Too.

The Lost Omelette Makers é unha chuvia de frescura e creatividade. É a mente de Jonathan Richman dominada pola ansia romántico-pastora de Andrés do Barro.

Venres 11 de Xullo
No Escenario A Maseira

A esmendrellarse!