GRAMPODER

Martin Wu e Le Roi pasaron do punk hardcore de Fame Neghra e o pop de The Homens a esta mestura de xéneros de Grampoder que eles explican mellor que ninguén. Falan de rock portátil, pop campestre, folk psicodélico e hardcore comeflores. E xustamente nese amplo punto estamos.

Son unha proposta humilde, artesá, de formato pequeno, unha guerrilla musical a dúas bandas, delicados pero coa puntería moi ben afinada, divertidos, dinámicos e con bastantes anos de experiencia ás costas.

"Golf Whiskey" (2013), o seu disco de debut no selo Discos da Máquina, supón unha escoita pracenteira, con letras actuais e intelixentes, ritmos áxiles e a seriedade propia da ironía.

As súas influencias van desde o tropicalismo á agricultura, pasando pola ideoloxía contestataria e polo contracultural da psicodelia.

Na canción "Porcos" cantan "Porcos na tele e por internet, porcos na Caixa e porcos no Banco de Santander".
En "Capitalismo" extenden ata o infinito iso de "Un ladrón que rouba a un ladrón, que rouba a un ladrón, que rouba a un ladrón, que rouba a un ladrón…" para explicar o asunto no que vivimos.
"Perdemos tempo, mentres eles beben champagne. Asomámonos ao inferno, mentres eles beben champagne. Escapamos en manada e eles beben champagne. Coma bestas asustadas, mentres eles beben champagne. E suspiramos porque lles sente mal" asumen en "Champagne".
E en "Robert Millar" homenaxean a un moi especial ciclista da década dos oitenta que se evaporou logo da retirada.

Venres 11 de Xullo
No Escenario A Maseira

isto e máis.